Este é un texto no que expresamos, o noso sentir tras un ano de traballo en conxunto:
Levamos algo máis dun ano facendo propostas a respecto de analizar colectivamente as necesidades de escolarización de Arteixo. Distintas ANPAS do Concello iniciamos un traballo de comunicación responsable para facerlle chegar ás administracións públicas correspondentes información a respecto da realidade na que se está a desenvolver a prestación dos servizos educativos nos centros de ensino público de Arteixo. Valoramos positivamente os avances comunicativos co Concello, pero non é dabondo. Chegamos ao remate do curso 17/18 sen nin tan sequera poder desenvolver unha entrevista solicitada coa Xefatura Territorial para o intercambio de informacións. E o tempo e a demografía non se deteñen. Non agardan pola burocracia.
Xa que logo, tomamos a decisión de facer a seguinte comunicación:
Apelamos á capacidade e competencia das administracións públicas e organismos implicados neste proceso para que prioricen e axilicen todos os pasos necesarios para conseguir o obxectivo de ter en funcionamento un novo CEIP e un novo IES para o curso 20/21. O tempo perdido para iniciar o proceso necesario para a súa posta en marcha terá que ser recuperado con vontade política traducida en feitos e orzamentos.
Propoñemos no entanto que se proceda á implantación do Bacharelato no IES Pastoriza, e que tanto para os CEIP que así o precisen como para o IES Manuel Murguía se adopten por parte da Consellería de Educación medidas temporais urxentes para aliviar na medida do posible a masificación dos centros no tempo que quede para o inicio da actividade nos novos, sempre en acordo coas respectivas comunidades educativas de cada centro.
Consideramos que sería oportuno constituir e convocar ao Consello Escolar Municipal e darlle a encomenda específica de actuar como mesa de seguimento do proceso de construcción e posta en marcha dos novos centros e onde se poidan intercambiar propostas para a definición do modelo arquitectónico, de servizos, organizativo e funcional de ditas instalacións.
Este organismo, constituído con representación paritaria de todos os estamentos da comunidade educativa de Arteixo deberá ter parte tamén, xunto coa Consellería titular da prestación dos servizos educativos, para abordar a reestructuración da oferta educativa nos centros de ensino público de Arteixo, a adaptación dos servizos de transporte escolar e extra-escolar ás necesidades reais do alunado dos centros e das súas familias, atendendo especialmente á seguridade na mobilidade, e o deseño dun sistema de conciliación familiar de prestación pública en condicións de igualdade para todos os centros e todo o alumnado do Concello.
Sumámonos asemade á reclamación das escolas unitarias rurais da creación dun Centro Rural Agrupado que poida fornecer as prestacións educativas para ditos centros, tal e como veñen solicitando tanto os profesionais como as familias do seu alumnado.