Todo o mundo temos unha ferida marcada cando unha muller é maltratada.
E chega a data: 25 de Novembro, O Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Cada 25N preténdese visibilizar a problemática deste delito, así como a concienciación e denuncia do mesmo.
Nada que celebrar nesta data. Iso si, moito que lembrar, inculcar e non esquecer:
A Vilolencia contra as Mulleres:
· Non é violencia fortuita
· O factor de risco é ser muller
· A mensaxe é a dominación: ou te mantés no teu lugar ou terás que temer.
A Violencia de Xénero non é máis que a consecuencia máis grave dunha educación patriarcal que se recibe dende a máis tenra infancia. Somos crianzas a través dos nosos proxenitores, do noso profesorado, e da propia sociedade. Recibimos unha educación que se traduce no xeito que vemos o mundo ao longo da vida e que, xa na idade adulta, resulta moi difícil mudar. As consecuencias dunha sociedade machista non somentes se manifestan a través da violencia física, senón tamén en comportamentos e actitudes tan sutís que se adentran na nosa vida cotidiana e das que ás veces nen sequera somos conscientes: “Hoxe tócame facer de niñera”, “se che falgo falta na cocina avísame”, “Intelixente coma papá, bonita coma mamá”, “os homes non choran”… Estes son os micromachismos, un tipo de violencia branda e invisible, de baixa intensidade, que está moi relacionada coa sociedade heteropatriarcal que temos creada. É precisamente a facilidade coa que se agochan o que os define como altamente perigosos, danando invisiblemente á muller e a todas aquelas persoas que non entren dentro dos estereotipos sociais marcados.
Toca mudar a sociedade creando novas mulleres e homes que non clasifiquen as persoas en función do sexo-xénero. A infancia ten que decatarse de que a súa expresión corporal non ten porque encaixar nunha caixa tan pequena.
Está nas nosas mans, nas de todas construir unha sociedade igualitaria, sen micromachismos e polo tando sen violencia de xénero, porque ninguén pertenece a ninguén e cadaquén temos un oco neste pequeno mundo